INFORMACIÓN SOBRE VIII OLIMPÍADA GALEGA DE ECONOMÍA "La Caixa"
 

Prezados/as amigos/as:


A Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, xunto coas demais universidades galegas e a Asociación Galega de Profesores de Economía en Secundaria, e coa colaboración da Obra Social "La Caixa" e o Colexio de Economistas da Coruña, está a organizar a VIII Olimpíada Galega de Economía "La Caixa", fase local da Olimpíada Española de Economía, que se desenvolverá nesta facultade o vindeiro día 31 de marzo de 2017.


A Olimpíada Española de Economía é unha competición de carácter académico e educativo para fomentar e estimular o estudo da Economía entre os estudantes de ensino medio en Galicia. Neste sentido, ten como obxectivo premiar a excelencia académica e o esforzo, dar a coñecer os estudos no ámbito da Economía e da Administración e Dirección de Empresas, así como establecer vínculos máis estreitos entre as universidades, os profesores de Economía e Empresa do Bacharelato e aqueles alumnos que, interesados nestes ámbitos do coñecemento, serán os futuros estudantes nas nosas facultades. Na Universidade somos plenamente conscientes de que a nosa institución non pode abstraerse dos problemas formativos das persoas que ocuparán as nosas aulas no futuro próximo. Por tal motivo, cómpre salientar a importancia de mantermos contactos orientados a fortalecer as relacións cos centros de Ensino Secundario e Bacharelato para compartir coñecemento e experiencias. Polo tanto, a Olimpíada Española de Economía, nas súas fases española e local, pretende servir de punto de encontro entre ambos os dous niveis educativos.


Por este motivo, póñome en contacto convosco para animarvos a participar nesta proba o vindeiro día 31 de marzo nas dependencias da Facultade de Economía e Empresa da Coruña. Como resultado dela, os tres estudantes gañadores da fase local participarán no mes de xullo na fase española, que terá lugar en Córdoba.


En resumo:


  • Estrutura do exame:
Primeiro: O exame será anónimo e consistirá nunha proba que terá unha duración máxima de dúas horas e media.
Segundo: As preguntas versarán sobre o coñecemento e aplicación dos conceptos propios das materias de “Economía” de primeiro curso do Bacharelato, e da materia de “ Economía da Empresa” de segundo de bacharelato.
Terceiro: As preguntas referidas á materia de “ Economía ” de primeiro curso estructuranse do seguinte xeito:

    * Catro preguntas teóricas
    * Unha pregunta de carácter práctico
    * Un comentario de texto

O alumno deberá contestar a todas elas

Cuarto: As preguntas referidas á materia de “ Economía da empresa ”, estructuranse do seguinte xeito:

    * Seis preguntas teóricas (das que o alumno elixirá as catro que prefira para contestar)
    * Dúas preguntas de carácter práctico (das que o alumno elixirá só unha para contestar)
    * Un comentario de texto

Con isto tentarase evitar que o alumno poda respostar a tódalas preguntas, a pesar de que non houbera rematado nesas datas todo o temario



Esperamos contar con participantes do teu centro.


Atentamente.



Anxo Calvo-Silvosa
Decano
Facultade de Economía e Empresa
Campus de Elviña s/n
15071 A Coruña
+34981167000 (ext. 2411)



Anxo Calvo