Inicio > Historia

Historia

 

 

     A princesa Sofía visita o centro en 1967

 

 

 

 

O 13 de agosto de 1966 o anterior Xefe do Estado, Francisco Franco, inaugurou o Colexio Provincial da Milagrosa, situado nos terreos da antiga Granxa. O edificio levantouse nunha parcela de 30.000 m2, que incluía unha ampla xona axardinada e destinada a actividades deportivas. En planta con forma de ele, tiña uns 3.500 m2 e comprendía tres andares pola parte exterior e catro no lado que conectaba co Fogar da Milagrosa.

 

Cumpríase así a segunda parte dun proxecto social que comezara dez anos antes coa creación do Colexio Provincial Calvo Sotelo. O espíritu que animou o devandito proxecto foi unha renovación do sentido da beneficencia que se estivera practicando ata mediados dos anos 50 do século pasado.

O 1º de xaneiro de 1963, o Presidente da Deputación, Rafael Puga Ramón, dicía en La Voz de Galicia: “… ver esa casa levantada é a miña meirande preocupación, a miña meirande ilusión. Serán acollidas todas estas nenas da Casa da Misericordia e alí recibirán unha instrución similar á do Bacharelato Laboral, co cal, o mesmo que os rapaces do Calvo Sotelo, sairán ben preparadas para se defenderen na vida...”

 

Dende os comezos, o Colexio Puga Ramón estivo aberto ao barrio, é dicir, que xunto coas internas da Milagrosa, escolarizáronse alumnas externas. Estaba adscrito como Filial Nº 1 do Insituto Eusebio da Guarda e na memoria do curso 1971-72, cuxo horario contemplaba clases o sábado, pódese ver un listado de trescentas noventa e sete alumnas e un claustro de sete profesores, incluída a súa directora, Consuelo Mariño.

 

Dende entón moitas cousas foron cambiando. O Fogar desapareceu e con el a primitiva vocación á que estivera destinado; xa non é un colexio feminino, senón mixto; quedan moi poucos profesores daquel primeiro claustro e pasaron por el moitos máis que hoxe non están no centro. Sen embargo, permanece o mesmo espíritu de docencia e o desexo de formar a todos os alumnos que pasan por estas aulas co fin de que poidan acadar os seus obxectivos profesionais na vida adulta e, sobre todo, axudalos a se converter en cidadáns responsables, plenamente integrados na sociedade actual.

Foron corenta anos de aprendizaxe, pero tamén de excursións, festas, actividades, de convivir e todo o que isto conleva.

 

Por iso vos damos a BENVIDA A TODOS, aos que xa non estades, aos que agora vos atopades con nós e aos que viredes un día a estas aulas.