Inicio > Departamento de Mediación de Conflitos

Departamento de Mediación de Conflitos

 

 

                                       

 

 

 

 

Dende hai varios anos no IES Puga Ramón preocupámonos seriamente por unha educación en valores que repercuta na CONVIVENCIA entre o noso alumnado e que complemente o seu desenvolvemento persoal. Tratamos de potenciar unha convivencia pacífica a través da confianza, o traballo en equipo,  o respecto mutuo e o rexeitamento das agresións físicas ou psicolóxicas a outros compañeiros e compañeiras.

Afondando nos nosos esforzos por mellorar a convivencia no Centro, consideramos útil a creación dun Equipo de Mediación que permita implicarse ó alumnado e ó profesorado nunha tarefa común: atopar unha forma creativa de resolver os conflitos e aprender que estes non teñen por qué ser sempre negativos.

            O SERVIZO DE MEDIACIÓN está integrado por alumnas, alumnos, profesoras e profesores, adicándose estes últimos a tarefas de coordinación e asesoramento.

            Contamos, este ano, cun grupo de alumnos que forman o noso EQUIPO DE MEDIACIÓN. A eles e a elas agradecémoslles o tempo libre que nos adican e a súa disposición a implicarse na busca conxunta de solucións aos problemas que afectan a outros compañeiros.

            Aprendendo a mediar en CONFLITOS, a través da adecuada FORMACIÓN, conséguese desenvolver hábitos de escoita e reflexión, tan necesarios para a nosa convivencia. Ó mesmo tempo, apréndese a facer fronte aos propios conflitos e as súas solucións, sendo esta a mellor maneira para comprender que existen formas de resolución dos nosos problemas que non pasan por ACUDIR, necesariamente,  á autoridade calquera que esta sexa (profesorado, xefatura de estudos ou dirección).

            Se continuades mergullando polo noso espacio de mediación atoparedes información sobre quen forma parte deste servizo, o seu funcionamento, como nos organizamos e de como poñervos en CONTACTO con nós para a vosa participación ou para a formación de novos mediadores e mediadoras.